Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Europa perdida e noqueada

La alta representante de la Unión Europea para Asuntos Exteriores y Política de Seguridad, Kaja Kallas, habla con el primer ministro de los Países Bajos, Dick Schoof, mientras asisten a una cumbre del Consejo Europeo en Bruselas con los últimos acontecimientos en Ucrania sobre la mesa.

María do Carme García-Negro

0

Deberíamos esquecer a metonimia de identificar a Unión Europea con Europa. E, en aras da precisión tanto nominal como material, é unha inexactitude que conduce a varios enganos. Oo máis importante é sementar odio e alleamento de países que sempre foron Europa, sempre tiveron relación histórico-cultural e pertencen polo peso dos feitos a esta parte do mundo: case tautolóxico, se non son África, nen Asia, nen América e, por suposto, Oceanía, serán europeos, non si?. Referímonos a Rusia, a Bielorrusia, a Ucraína, Georgia, Armenia, Azerbaiján e Kazakistán.

A identificación fácil, cómoda ou politicamente de comenencia de Europa coa Unión Europa correspóndese coa vontade política de separar ideolóxica e sectariamente unha parte do que historicamente tivo lazos fortes entre as nacións e os pobos que se integran nesta parte do mundo denominada Europa. Os séculos de vida en común con relacións permanentes entre Rusia e os países máis occidentais foron fortes e permanentes e a separación política post-Guerra Mundial foi a imaxe e necesidade do afianzamento ianqui como potencia mundial. Ou é tan difícil lembrar que grazas á URSS foi derrotado en campo de batalla o fascismo? A potencia alemá dirixida por Hitler enterrouse en lama e xeo nos campos rusos e con eles a derrota do fascismo; isto serviu de base para que a axuda americana (tamén interesada) contribuíra ao nacemento da Unión Europea.

É pernicioso esquecer esta parte da historia e, se neste momento hai un ditador en Rusia que invade veciños, doutro lado hai alguén na dirección dun estado (EEUU) ao que non é fácil atoparlle cualificativo dunha soa palabra, pero que está a piques de invadir e se apropriar de Groenlandia. No século XIX, que non está tan lonxe -polo son de canóns que se escoita-, os xornais galegos (numerosos) tiñan correspondentes no que se consideraban capitais importantes dos destinos de Europa, desde París, Londres a Moscú, e o tráfico cultural con aquela Rusia era da mesma natureza que coa parte europea máis occidental. Quen pode prescindir de Tolstoi, de Dostoievski, de Pushkin, de Chejov...; quen pode prescindir da música de Rimsky-Kórsakov, de Tchaikovsky, de Borodin, Rachmáminov..;. da danza, ou dos adiantos técnicos que fixeron mellor o mundo no século XX? Quen quer esquecer o significado revolucionario dos logros do século XX en Rusia que deron unha volta ao destino do mundo obreiro?

E agora, por orde e comenencia dos EEUU, do seu presidente á cabeza, e da necesidade da súa industria de armamento que anda falta de demanda, debemos pasar a odiar, temer, deostar, identificar como inimigo abxecto e armarnos para estar preparados para unha invasión rusa? Se non fose que é o que está pasando, parecería unha broma de mal gosto ou un pesadelo. A política internacional, a estratexia do até agora poderoso “amigo” creador da OTAN, acompañouse dunha parte da Europa vencida ou esmagada na segunda guerra e durante unhas décadas foi quen de dirixir o motor do capitalismo occidental. Nunha parte de Europa naceu e se desenvolveu a Unión Europea; a URSS continuou até que se descompuxo, e despois da varias crises, da recesión financeira e de comprobar que a República Popular China xa é a primeira potencia mundial en capacidade produtiva, nos Estados Unidos acordaron entrar en pánico e facer uso do único que pode salvar de momento a súa hexemonía en declive: a industria de armamento, a única que non foi deslocalizada nen está entreverada de capital chinés.

E Europa, mellor dito, a Unión Europea? Está desaparecida. É como se non existise. Pásanlle os acontecementos mundiais por de diante e non reacciona. Está parada, estantiga ou será momificada? Cal foi ou é o rol internacional da Unión no xenocidio de Gaza ? Onde fixo ouvir a súa voz? Onde interveu para presionar a Israel a simplesmente ter cumprido as resolucións da ONU? Cal é a política exterior da UE? Como se explica que nen sexa chamada para falar de Ucraína? Como se formulan as relacións coas fronteiras con África? Ou para ir máis ao fondo: onde está o goberno da UE? Existe? Porque é aí onde se atopa outro núcleo do importante asunto das armas.

Imos supoñer que -como din agora “os máis modernos”- ‘compremos’ que é preciso se armar como Unión Europea (que non o ‘compramos’, mais imos facer o suposto). A pergunta inmediata por principio de sobrevivencia é: cal é a autoridade política da Unión que ordena, que está ao mando do uso do armamento, tendo en conta que será nuclear ou non vale para nada? Quen, a Comisión Europea? A Comisión xunto cos ministros/as de Asuntos exteriores dos 27? Unha parte da Comisión (unha coordenadora?) cos ministros/as e máis algún xefe da OTAN? Unha parte da Comisión ou dos ministros xunto con algún ‘british’ e algún xefe da OTAN?

Todas estas perguntas de posíbeis actores en relacións exteriores e nos momentos de conflito como o presente, non constitúen dilettantismos retóricos de escritora, senón que son reflexo dos casos de reunións que se deron, sen chegar a nada, nengunha acción. A Europa nomeada na Unión Europea non é un supraestado, é unha confederación -ou se queremos supraestado- en construción, lenta iso si, que nestes momentos agocha a súa incapacidade baixo o mandato estadounidense.

E semella que está en única disposición de se converter por orde suprema en compradora compulsiva de armamento ianqui sen ter sabido nen quen pode dar a orde de usalo. Sempre pensamos que as armas son prolongación do brazo (como o seu nome indica en varios idiomas) polo que é imprescindíbel ter brazo e cabeza para utilizar unha arma. A arma en si non é máis que un obxecto que pode pasar a ser decorativo, ou de malgasto, xa que mesmo para ser disuasoria hai que estar en condicións reais de usala, de saber usala, de querer usala e de ter repostos.

Unha idea para o presidente español: Sr. Sánchez, faga uso da claúsula de necesidade perentoria e diga que, despois do da DANA valenciana, o Estado español non está en condicións, neste momento, de asumir os novos gastos que se programan en armamento. Déixennos respirar, pasar este calvario e xa volveremos falar. Unha cousa así, con linguaxe diplomática ben axeitada.

Etiquetas
stats